Plan de prácticas 2024/2025
De acordo co artigo 7 do Regulamento de Prácticas externas do Máster Universitario en Avogacía da Facultade de Dereito:
- No cuadrimestre anterior ao comezo das prácticas, a comisión académica do mestrado (CAM), por proposta do coordinador/a profesional do mestrado, publicará a oferta de prácticas e fará constar, na medida do posible, os seguintes datos:
- O nome ou razón social das entidades colaboradoras onde se desenvolverán as prácticas, con indicación das prazas ofertadas por cada unha delas
- O centro, localidade e dirección onde terán lugar
- O proxecto formativo, actividades e competencias que se desenvolverán
- As datas de comezo e fin das prácticas, así como a súa duración en horas, con indicación do número de horas diarias de dedicación ou xornada e horario asignado
- O titor/a académico e profesional asignado a cada praza
- A citada oferta será obxecto de publicidade entre o estudantado a través dos taboleiros de anuncios da Facultade de Dereito e da páxina web do Máster universitario en avogacía
- Abrirase un prazo non superior a dez días para que o estudantado lle manifeste as súas preferencias por escrito ao coordinador/a profesional do mestrado (modelo de solicitude, anexo I)
- Corresponderalle realizar unha proposta de asignación ao estudantado das prazas de prácticas externas ao coordinador/a profesional do mestrado, tendo en conta os seguintes criterios, na orde de prelación que veñen establecidos, e garantindo, en todo caso, os principios de transparencia, publicidade, accesibilidade universal e igualdade de oportunidades:
- As preferencias do estudantado
- Criterios obxectivos de mérito e capacidade resultantes da nota media do expediente académico da titulación de acceso para a materia Prácticas Externas Básicas e das avaliacións do período formativo do mestrado para a materia Prácticas Externas
- A adecuación do currículo de cada estudante ás características propias da actividade profesional desenvolvida no despacho e na área de traballo das prazas ofertadas
No caso de discapacidade do estudantado, outorgaráselle prioridade co obxecto de que poida optar a empresas en que estean aseguradas todas as medidas de accesibilidade universal, incluídas as referidas ao transporte para o seu traslado e acceso a estas
- Esta proposta será elevada á CAM, que aprobará e publicará unha resolución provisional de adxudicación das prácticas ofertadas. O estudantado que non estea conforme con ela contará cun prazo de cinco días hábiles para presentar as súas reclamacións ante a CAM, que as resolverá no prazo máximo de sete días hábiles e ditará a resolución definitiva de asignación das prácticas
- O estudantado deberá elixir unha das prácticas ofertadas e asinar o compromiso do/a estudante antes de comezar as prácticas. Unha vez aceptada unha das prácticas non poderá cambiala. E para que a práctica quede formalizada o titor/a académico, o titor/a profesional e o/a estudante deben asinar a formalización da práctica (anexo II, formalización da práctica académica externa). O documento deberá estar depositado a disposición do coordinador/a de prácticas antes do seu comezo