Presentación Académica do Proxecto Piloto de innovación docente Aula de Práctica Xurídica
A Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, no marco do proxecto de innovación docente “Aula de Práctica Xurídica”, puxo en marcha no curso 2024/2025 un proxecto innovador de formación práctica. A través deste proxecto, búscase proporcionar ao alumnado unha experiencia integral que conecte os seus estudos teóricos coa práctica profesional. Este proxecto inclúe a creación dunha aula de práctica xurídica, centrada na simulación de casos reais baixo a supervisión de profesorado con experiencia e coa colaboración de profesionais das distintas profesións xurídicas. No ámbito do Máster da Avogacía e da Procuradoría, preténdese lograr a sinerxia de todos os operadores xurídicos relacionados directa ou indirectamente con ambas profesións.
O obxectivo final é o desenvolvemento integral das competencias do noso alumnado mediante o estudo de aspectos éticos, técnicos e prácticos de casos reais, incorporando a experiencia profesional á formación práctica. Ademais de formar aos/ás estudantes en aspectos prácticos a través de experiencias reais, foméntase a concienciación e sensibilización xurídica ao enfrontar ao alumnado a problemas sociais complexos.