Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Viaxe institucional ao Instituto de Medicina Legal de Galicia

O xoves, 18 de outubro, vinte e nove estudantes do Mestrado universitario en avogacía do campus de Ourense realizaron unha viaxe institucional á Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), con sede no hospital de Verín. Acudiron acompañados do coordinador profesional do mestrao, do secretario da comisión académica e da decana da Facultade.

O grupo foi recibido polo médico forense que dirixe a Unidade de Antropoloxía Forense do IMELGA en Verín, D. Fernando Serrulla Serch, e polo xerente da área sanitaria de Verín, D. Miguel Abad Vila.

Viaxe institucional ao Instituto de Medicina Legal de Galicia

A actividade tivo un especial interese formativo. Non só pola visita ás instalacións senón porque os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer a través de Fernando Serrulla as principais funcións desenvolvidas en casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade -estudo de restos óseos, esqueletización de cadáveres, esqueletización de lesións óseas-, para identificar cadáveres (de persoas carbonizadas, ou en supostos de accidentes ou atentados con múltiples vítimas, incluso en colaboracións de Dereito Internacional Humanitario) e outras funcións non vencelladas á medicina forense de mortos, como á estimación forense da minoría de idade de persoas novas indocumentadas e non acompañadas, entre outras.

A dificultade e a gran responsabilidade do labor dos profesionais que se dedican á investigación medicolegal, con auténtica vocación de servicio público, nos casos de sospeita de criminalidade, a inevitable existencia nalgúns casos dunha marxe de incerteza e mesmo a necesidade de prudencia á hora de traballar con hipóteses constituíron, sen dúbida algunha, una lección maxistral clave para a formación dos estudantes e difícil de esquecer.

O agradecemento, pois, institucional da Facultade de Dereito de Ourense e do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense á institución e ao profesional que recibiu á delegación do Mestrao universitario en avogacía. E o agradecemento persoal de cada unha das persoas que tiveron o pracer de participar nunha visita na que, grazas á recepción e ao exquisito e cordial trato recibido, superaron aínda as súas expectativas respecto ao carácter formativo da actividade.